De cara á folga xeral do 29M

Comunicado de Esquerda Anticapitalista Galega

Domingo 25 de marzo de 2012, por Mar

Comunicado de Esquerda Anticapitalista Galega

A reforma laboral do PP é o ataque máis duro contra a clase traballadora e o movemento obreiro en moito tempo. E isto non é unha política nova, senón que é un paso máis da dinámica neoliberal na que levamos imbuídos os últimos 30 anos. Esa dinámica neoliberal consiste en desregular o mercado laboral para facilitar os despedimentos e as baixadas salariais, aumentando os beneficios dos capitalistas a costa da clase traballadora.

Pero aínda que o interese económico sexa o motivo principal da reforma laboral do Partido Popular, tamén existe un interese político de fondo. A nivel político, estas contrarreformas teñen como obxecto destruír a capacidade de negociación colectiva da clase traballadora. A nova unidade básica de negociación dos convenios deixa de ser o sector ou a provincia para ser o centro de traballo. Iso ten como obxectivo atacar a capacidade dos traballadores de unírense fronte ao empresario, fomentando a competencia entre traballadores.

A reforma laboral non ten como obxecto xerar emprego, senón facilitar o despedimento. Calquera traballador poderá ser despedido por causas tan arbitrarias como "baixa produtividade" ou a "previsión de perda de beneficios da empresa". Ademais, fomenta os contratos temporais e ataca aos empregados públicos, que xa levan décadas sufrindo unha campaña de calumnias que os converte en vagos e parasitos, abrindo o camiño a unha profunda reestructuración do emprego no sector publico. En resumo, o obxectivo desta reforma non é outro que xerar un marco laboral precarizado, con baixos salarios, sen traballadores que protesten ou sindicatos que teñan capacidade de negociar nunha posición de forza.

Como chegamos ata aquí?

Os ataques contra os traballadores non son patrimonio do Partido Popular. O PSOE aprobou hai mais dun ano, xusto antes de perder as eleccións, unha reforma que abría o camiño ao que hoxe nos presenta o Partido Popular. Todo isto combinado con axudas multimillonarias á banca e o sector privado. Contra aquela reforma celebrouse unha folga unitaria o 29 de setembro que non tivo continuidade, agás na Galiza e en Euskal Herria, onde CIG LAB e ELA convocaron folgas xerais o 27 de xaneiro.

A estratexia das cúpulas sindicais de CCOO e UGT durante as ultimas décadas foi o dialogo e pacto social, combinados con mobilizacións puntuais, pero sen convicción nin alternativas ás políticas neoliberais. As estratexias das burocracias sindicais pódense cualificar de fracaso no obxectivo de defender á clase traballadora dos ataques da burguesía: máis de 5 millóns de parados, a taxa de paro xuvenil máis alta de Europa, baixos salarios, precariedade laboral.... A consecuencia é que moitos traballadores e traballadoras non confíen nos sindicatos, aínda que moitos deles seguen a telos como referencia ante a falta de alternativas.

A folga xeral do 29 de marzo na Galiza

A CIG, xunto aos sindicatos vascos ELA e LAB foi o primeiro sindicato en lanzar a convocatoria de folga contra a reforma laboral, combinando a convocatoria con asembleas informativas nas rúas. CCOO e UGT sumáronse máis tarde a esta convocatoria, pero só despois de fracasar os seus intentos de negociar co PP. Isto demostra que un sector moi importante da militancia activa da CIG comprendeu a gravidade desta reforma e tamén demostra o profundamente perdidas que están as direccións de CCOO e UGT.

A cuestión é que facer despois de que CCOO e UGT se sumaran á folga, unha vez convocada o mesmo dia. A unidade convértese nun eixe imprescindíbel. Por iso parécenos acertado que as centrais sindicais decidiran actuar unidas nos centros de traballo: é un paso previo moi necesario para animar á participación dos traballadores. O que non parece tan acertado é que as manifestacións sexan por separado. Nós estamos lonxe de simplificar o problema: é evidente que a existencia de tres convocatorias diferentes o dia 29 de marzo responde a dinámicas que veñen dándose durante moito tempo e tamén á existencia de formas diferentes de entender o sindicalismo. A CIG, a nivel xeral e con todos os seus defectos, mantivo durante estes últimos anos unha posición máis combativa, sen caer nunha espiral de pactos sociais favorábeis ao empresariado, como fixeron CCOO e UGT. Estas posicións diferentes xeran, evidentemente, posicións de rexeitamento entre os activistas sindicais da CIG, que non entenden nin comparten as posicións pactistas de CCOO e UGT.

Sen embargo, a estratexia sindical debe ver mais alá desas dinámicas: unha manifestación unitaria ,que inclua tamén a sindicatos minoritarios como CGT ou CUT, daría máis forza ás mobilizacións, xa que moitos traballadores e traballadoras non adscritos a ningún sindicato non entenden o porque de manifestacións separadas o día da folga. Ademais, permitiría aos traballadores contrastar dúas estratexias diferentes. Por outra banda, moitos traballadores vinculados a CCOO e UGT non comparten as posicións das súas cúpulas sindicais: a confluencia nas mobilizacións podería contribuír a xerar unha dinámica máis combativa dentro das bases de UGT e CCOO, así como reactivar a moitos afiliados da CIG que moitas veces non participan no seu sindicato. É moi importante para o éxito da mobilización que os sindicatos poñan os intereses da clase traballadora antes que os seus intereses como organización ou aparato.

Preparar a folga, baleirar os postos de traballo, encher as rúas .... e logo?

Esta mobilización debe estenderse moito máis alá dos traballadores que tradicionalmente se mobilizan. O núcleo das mobilizacións sindicais dos últimos anos está composto fundamentalmente por traballadores do sector publico ou de sectores como o metal-naval, moi estruturados polo modelo fordista ou pola súa seguridade laboral, sen lograr vincular os problemas dunha nova clase traballadora máis nova, subproduto da nova estrutura económica do capitalismo: son os traballadores de Telemarketing, dos centros comerciais, das cadeas de comida rápida, dos supermercados... Estes traballadores non coñecen mais que precariedade, pois nunca gozaron directamente das conquistas que outros sectores da clase traballadora si viviron. Se algo fai esta reforma laboral é precarizar a todos os traballadores e traballadoras, independentemente do seu sector produtivo, ou se traballan na función pública ou en empresas privadas. Cómpre, pois, informar e chegar a todos os sectores da clase traballadora.

Os estudantes, as amas de casa, os traballadores desempregados, os autónomos: todos eles tamén están afectados polas consecuencias desta reforma laboral. É moi importante vincular a todos estes sectores para conformar unha maioría social capaz de presentar un pulso sostido no tempo ao goberno do PP. Unha estratexia de mobilización continuada, que tamén teña como obxectivo xerar unha "masa critica" ás políticas neoliberais do PP e do PSOE.

Esta folga ten que ser un primeiro paso para conseguir xerar conciencia, fortalecer a organización dos traballadores e presentar modelos sindicais máis participativos e combativos. Os militantes de Esquerda Anticapitalista Galega están xa nas rúas, facendo propaganda da folga entre todos os sectores afectados polas políticas do PP.

Porque o 29M será só o comezo..

SPIP | esqueleto | | Mapa del sitio | Seguir la vida del sitio RSS 2.0