Comunicado ante a convocatoria de Asemblea Cidadá en Podemos Galicia

Comunicado de Anticapitalistas Galiza

Anticapitalistas Galiza leva defendendo desde o principio que Podemos tiña que ser un espazo que impulsase a construción dun bloque social amplo, protagonizado pola clase traballadora, as mulleres e a mocidade, co obxectivo de derrubar ao réxime do 78 e poñer a economía e a política ao servizo das de abaixo. Sempre defendemos, fronte aos corporativismos de parte, construír unha unidade popular baseada nas asembleas, no arraigamento territorial, capaz de estar en permanente conexión cos movementos populares e coas loitas da clase obreira.

Sempre defendemos que Podemos impulsase unha política de parte: de parte da transformación social radical, contra a monarquía, feminista e ecoloxista, que defenda a soberanía de Galiza pero que mire cara a fóra, empapándose das mellores experiencias da esquerda. Un programa que recupere a soberanía para o pobo e que expropie o poder das grandes empresas poñéndoo ao servizo do mundo do traballo e o control democrático do conxunto da sociedade: en tempos de crise, non se pode apostar por parchear o sistema.

A estratexia de non ter proxecto e moverse a golpe de enquisas, abandonando a coherencia que ilusionou a decenas de milleiros de persoas, debilitou a Podemos, tamén en Galiza. Estamos a ver que nestes tempos de crise, só unha política firme é capaz de traducirse nun proxecto que aspire a ser maioritario: o laborismo de Corbyn ou Adelante Andalucía levantan unha esperanza nesa dirección.

Vivimos tempos escuros. O proxecto do cambio en Galiza está en perigo, sobre todo por erros propios e falta de proxecto. O fascismo avanza en Europa e se a esquerda fracasa, non tardará en chegar á nosa terra. Non son tempos para pensar Podemos Galicia coma se fose unha baronía que busca un novo Secretario Xeral. É tempo de rearmarse política e organizativamente para recuperar un impulso que viñemos perdendo progresivamente. Para iso, é necesario romper con inercias e revolucionar Podemos Galicia. Recomezar de novo, con paciencia, xerando uns tempos e ritmos que permitan debater a fondo: necesitamos un novo programa, unha nova estrutura organizativa, un debate sobre o papel das loitas e dos conflitos, caracterizar ben o desastre que está a xerar en Galiza o neoliberalismo e o patriarcado. Necesitamos comezar de novo e romper coa inercia dos ritmos electorais, dos personalismos, da política de aparato. Necesitamos unha revolución en Podemos Galicia.

É o momento e propoñer estes debates, impulsalos, propoñer horizontes estratéxicos transformadores máis aló dunha campaña electoral interna onde parece que se disputa o poder para que todo que siga igual. Na que parece que, a falta de proxecto, o importante é repartirse o poder.

Non temos intención de incorporarnos a listas que se moven nesa lóxica de repartición do poder ou disputa da baronía: durante estes días decidiremos cal é a mellor forma de introducir os debates estratéxicos que nos parecen fundamentais. Convidamos a todo o mundo que estea dacordo cos principios e tarefas que enunciamos a que participe nesta discusión. É o momento de pararse e repensar Podemos Galicia.